Thursday 16 de May de 2024

Eventos en Moeche para os próximos días


Venres 20 de xullo, 21.00h.: 3ª Visita teatralizada polo castelo de Moeche cos Quinquilláns

Como sería a vida no castelo de Moeche aló polos séculos XIV e XV?. A fortaleza mantense case igual que na época do seu maior esplendor -e tamén a máis convulsa-, pero pouco podemos imaxinar do xeito de vida de quen moraron nela… das maquinacións e sucesos que ocorreron entre os seus muros. O castelo pervive e as pedras testemuñan sen falar a apresurada fuxida do seu señor, Nuno Freire de Andrade “O Mao”, acosado pola Irmandade Fusquenlla de Roi Xordo, e tamén dán conta da grande Guerra Irmandiña do 1467. Tras esta segunda revolta civil contra a opresión só quedan na fortaleza dous cómicos que agora fan de anfitrións para o pobo nun castelo completamente baleiro. Esta é, en esencia, a sinopse de “A porta aberta do Castelo de Moeche”, unha visita teatralizada polo recinto da man da compañía Os Quinquilláns que se desenvolverá todos os venres dos meses de xullo e agosto a partir das 21.00h.

As entradas teñen un prezo de 3€ e haberá que reservalas previamente chamando ao 981 404 006 ext.2. para retiralas despois no propio castelo ata media hora antes de cada sesión. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as posuidoras do Carné Xove só pagarán 1,50€.

Sábado 21 de xullo, 10.00h.: Mercado de Moeche

O Mercado de Moeche ofece todos os sábados un pequeno espazo con produtos frescos, pan, empanadas e doces, flores, agasallos, produtos de horta locais, verdura ecolóxica, legumes, carne curada, bacallau, mel, queixo, plantas, etc. Ademais, os primeiros sábados de cada mes conta coa participación dun posto de marmeladas e conservas artesás, zumes e salsas naturais.

Recentemente tamén se adxudicou a xestión dos dous espazos fixos do mercado: o bar e a peixaría. No primeiro pódese tomar un petisco ou un aperitivo mentres se fan compras e, no segundo, hai moita variedade de peixes e mariscos frescos. O posto ten servizo de limpeza do peixe e anota encargas anticipadas por teléfono para recollelas no propio mercado.

Domingo 22 de xullo, 10.00h.: Xeoruta por Mina Piquito

Dentro da programación de lecer de cara ao verán, e como xeito de avanzar no proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal, o Concello organizou 6 xeorutas que se adentrarán na Mina Piquito, onde observar unhas excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca, marrón e negra. E a todo isto hai que sumarlle que as rochas das galerías estiveron no fondo do mar hai aproximadamente 400 millóns de anos.

As inscricións hai que facelas na web rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com, como moi tarde ata dous días antes de cada ruta. Hai un máximo de 10 prazas dispoñibles por itinerario e fai falla ter máis de 11 anos para participar. O percorrido é relativamente curto e doado, aínda que cómpre ter en conta que a parte máis espectacular da ruta transcorre polas galerías da mina, que non están acondicionadas para persoas con mobilidade reducida.

Na visita utilizarase luz artificial autónoma e, neste sentido, tamén se debe considerar que as características do xacemento non ofrecen condicións axeitadas para persoas con aprensión aos espazos escuros e pechados. Recoméndase traer botas ou calzado impermeable con boa adherencia, ademais de roupa que non se teña perda de manchar.

No blog das inscricións poden consultarse as datas de todas as citas e outra información de interese. Tamén é posible apuntarse chamando ao 981 404 006 ou no enderezo electrónico correo@moeche.gal. O prezo da ruta son 10€ por persoa e inclúe o seguro.